A explotación no textil “Made in China”

chinableu1

XORNADAS “Made in China. A industria téxtil globalizada e as traballadoras chinesas”    

Amarante en representación da Campaña Roupa Limpa organizou o 6 de outubro de 2.006 en Santiago un encontro con administracións, empresas, sindicatos, asociacións do téxtil e consumo para analizar as condicións laborais dos traballadores do téxtil en China nas fábricas que producen para marcas europeas e por extensión as galegas.

Patrick Poon e Staphany Wong, investigadores chinos, que colaboran coa Campaña Internacional de Roupa Limpa (Clean Clothes Campaing) analizaron os momentos que se viven en China dende o ámbito dos dereitos laborais e as condicións de traballo nas fábricas do téxtil e a lexislación China, asemade as auditorías e traballos de responsabilidade social das empresas europea no país chinés.

A deslocalización en tódolos sectores económicos como o téxtil é unha realidade nas empresas de todo o mundo, incluídas as galegas, nas que empresas como Inditex ou Adolfo Domínguez xa teñen gran parte da súa  produción en países como en China.

Estas inversións das empresas do téxtil en China esquecen as condicións laborais nas que se traballa nas chamadas Zonas Económicas Especiais na industria do téxtil. En China traballan 15 millóns de persoas, onde en provincias como Guangdong o 62%  das empresas son estranxeiras.

Non hai que esquecer, tal como resaltaron os investigadores de Roupa Limpa, que o sector da confección en China está baseado principalmente en Zonas Económicas Especiais en tres provincias da costa oriental e predomina a propiedade privada: Guangdong (31%), Zhejiang (15%) e Jiangsu (12%). Na provincia de Guangdong, o 62% das fábricas de prendas de roupa son de titularidade estranxeira (incluíndo taiwanesas e de Hong Kong) e o 5% son de propiedade estatal. O sector téxtil e da roupa en conxunto dan traballo a máis de 15 millóns de persoas, a maioría son mulleres traballadoras, inmigrantes e novas, de feito catro de cada cinco traballadores do sector da confección son mulleres menores de 25 anos.

Nos últimos 30 anos produciuse un paso moi rápido dunha maioría de empresas de propiedade estatal a unha maioría aínda máis grande de empresas privadas, o que alterou as relacións laborais e reduciu moitas provisións de seguridade social.

China mantén niveis moi altos de traballadores inmigrantes pobres, que teñen un status legal limitado fóra do seu lugar de orixe e son vulnerables á explotación.

Por outra banda, non existe liberdade de asociación na China. A ACFTU (Federación de Sindicatos de Toda a China, vinculado ó Partido Comunista),  único sindicato legal é incapaz de representar á maioría dos traballadores, mentres que calquera organizador independente enfróntase a unha represión severa.

Mantén un sistema de contratos colectivos para empregados. A ACFTU considera isto como unha ferramenta clave para mellorar as condicións de traballo, pero non implica ningunha negociación colectiva real a favor dos traballadores.

Patrick Poon e Staphany Wong, recordaron tamen as condicións laborais do traballo en China que se caracteriza porque  as mulleres traballaban150 horas extras ó mes nas fábricas; aoredor do 60% non dispón dun contrato escrito; o 90% non conta con acceso á seguridade social. As xornadas de traballo son de entre 10 e 12 horas e algunhas veces de 15 ou 16 horas diarias cun ou dous días libres ó mes. A propia ACFTU descubriu que o 62% dos traballadores traballaba 7 días a semana e unha cuarta parte non recibía a tempo o seu salario. As condicións sanitarias e de seguridade das fábricas inclúen a exposición a produtos químicos tóxicos, a produtos causantes de incendios así coma un alto risco de accidentes industriais. A maioría dos traballadores inmigrantes non están protexidos, ou están só parcialmente protexidos, por un subsidio por maternidade, por enfermidade ou por accidente de traballo. Os salarios da China non son os máis baixos da industria da confección mundial. En Guangdong no 2005 calculábanse nunhas 0,27 € á hora, máis altos que en Vietnam, Bangladesh e Indonesia.

Ao encontro organizado por AMARANTE asistiron os diversos axentes que poden incidir en mellorar as condicións laborais dos traballadores e traballadoras chinesas.

Alí estiveron persoas vinculadas ao mundo da empresa como Alicia Ferreira, da Asociación Téxtil de Galicia (ATEXGA ), Indalecio Prieto, do departamento de RSC  de INDITEX, Antonio Estevez e Fernando Trebolle, do departamento de RSC de Adolfo Domínguez e Manuel Barbosa, Xerente de Llobar Textil.

Da administración pública como Fabiola Sotelo, Directora Xeral de Cooperación  Exterior, Manuel Vila, Subdirector Xeral de Familia (en representación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar), Manuela Fraguela, Directora Xeral de Promoción Industrial e Mª José Teijeiro da Cal, do Instituto Galego de Consumo .

Dos axentes sociais como Roberto Naia, de CIG-Servizos e Mercedes López, de FITECA- CC.OO .

Tamén asistiron especialistas como Encarna González, Directora do Dpto. de Comercialización e Investigación de Mercados e Organización de Empresas, Fac. Econ. de Vigo e Andrés Faíña, Director do Dpto. de Análise Económica e Adm. de Empresas, Fac. Econ. da Coruña. Todos coincidiron na necesidade de mellorar os mecanismos de control sobre as condicións da producción neste pais asiático e tamén en iniciativas de RSCV desde as empresas e a administración como xeito de mellorar o nivel de vida dos traballadores e traballadoras chinesas. 

O filme CHINA BLUE chega a Galicia da mán da AMARANTE

A ONG Amarante, colaborando coa Campaña Roupa Limpa, proxectará o filme nas principais cidades galegas ó longo dos meses de marzo e  abril. A estrea no teatro principal de Compostela converteuse en todo un acontecemento ao contar oca presenza de 200 persoas.

Coa súa estrea a nivel galego en Compostela, Amarante únese á iniciativa da CRL de achegar a tod@s a problemática situación do sector téxtil en países do Sur, esta volta a través da tenra historia das protagonistas do documental de Micha X. Peled.

O calendario das proxeccións será:

– COMPOSTELA . Teatro Principal, Xoves 1 de Marzo ás 19 horas.

– A CORUÑA. CGAI. Sábado 3 de Marzo, ás 18,00 horas.

– VIGO. Centro Cívico de Teis. Venres 9 de marzo ás 19,00 horas.

– PONTEVEDRA. Teatro Principal. Martes 27 de marzo ás 19,00 horas.

– OURENSE. Biblioteca Pública. Mércores 18 de abril ás 20,30 horas.

– RIBADEO. Casa das Letras. Sábado 12 de maio ás 19,00 horas.

– MELIDE. A Fundación. Martes 29 de maio ás 20,00 horas.

– CANGAS. Casa da Xuventude. Luns 16 de xuño ás 20,00 horas.

– BUEU. Local Social de Beluso. Xoves 9  de agosto ás 20,00 horas.

Sinopse:

China Blue introdúcenos nunha fábrica de texanos, onde dúas mozas, Jasmine e Orchid, procuran sobrevivir ás difíciles condicións laborais. As súas vidas mestúranse coas doutras compañeiras e coa do director da fábrica na que traballan, o señor Lam. Dende os diferentes chanzos da xerarquía da empresa, o documental amósanos, humanamente, os problemas complexos dun mundo globalizado. Á vez, proporciona un informe actualizado e alarmante sobre as presións económicas que instauran as compañías occidentais e as consecuencias humanas que esto provoca. Versión orixinal en  cantonés, inglés, mandarín e sichuan subtitulado.

Sobre o director:

Micha X. Peled naceu en Israel e anos máis tarde emigrou ós Estados Unidos. A súa variada carreira comprende traballos como importador, vixilante de prisións, periodista freelance, asesor de campañas políticas e guía turístico de aventura. Realizou o seu primeiro documental para  televisión, Will My Mother Go Back to Berlin?, en 1992. Dende entón, tén dirixido os seguintes documentais: Inside God’s Bunker (1994), You, Me, Jerusalem (como codirector colaborado  con George Khleifi, 1996) e Store Wars: When Wal-Mart Comes to Town (2001). China Blue (2005) é o seu último traballo.

You may also like...