Amarante condena o ataque do Exército israelí a “Flota da Liberdade”

A Flota humanitaria dirixíase a Franxa de Gaza con máis de 10.000 toneladas de axuda humanitaria

Na madrugada de hoxe foi atacada por soldados do Exército de Israel en águas internacionais unha flota de seis barcos cargados de axuda humanitaria e activistas prol dereitos humanos que se dirixían á Franxa de Gaza. As últimas informacións falan de 16 mortes e ao redor de 60 persoas feridas.

A Flota da Liberdade estaba organizada pola fundación humanitaria turca IHH (Insani Yardim Vakfi), a Campaña Europea para Acabar o Asedio de Gaza (ECESG), a campaña grega e a sueca ‘Barco a Gaza’ e o Free Gaza Movement. Tratábase da maior acción coordenada realizada ata o momento para intentar romper o bloqueo marítimo de Gaza.

Cerca de 750 persoas de diferentes relixións e nacionalidades integraban esta iniciativa solidaria, entre elas máis de vinte parlamentarios europeos, unha ex congresista estadounidense, un premio Nobel da Paz e un sobrevivente do Holocausto. Entre elas atopábanse dous activistas e un xornalista españois.

Dende Amarante amosamos a nosa máis enérxica repulsa a este novo ataque aos dereitos humanos e a solidariedade entre os pobos por parte do Estado israelí. Denunciamos a impunidade co que se se ten perpetrado reiterados ataques ao pobo palestino, conformando un verdadeiro terrorismo de Estado, coa conivencia dos gobernos occidentais.

Nestes momentos diferentes organizacións e partidos políticos chaman á mobilización en diferentes cidades palestinas e por todo o mundo. Na Galiza xa están confirmadas dúas convocatorias de repudio este martes, día 01 de xuño:

Coruña: ás 20:30hs no Obelisco (Convoca a plataforma Galiza por Palestina)

Pontevedra: ás 20:00 hs na Praza da Peregrina

Solidariedade con Gaza. Polo levantamento do bloqueo. Apoio a Flotilla Free Gaza. Non a ocupación israelí de Palestina!

 

A flotilla era vixiada desde a madrugada de hoxe por tres fragatas de combate israelís, estando aínda en augas internacionais. Antes, decidira desviar lixeiramente o seu percorrido para evitar confrontacións co exército, sen cambiar o seu obxectivo de alcanzar a costa de Gaza. A alta presenza de prensa, mesmo nas fragatas israelís, non facía presaxiar un desenlace destas características.

Nos días previos, o Goberno israelí lanzara unha campaña para tentar deslexitimar a intencionalidade da flota solidaria, ofrecendo repatriar as activistas internacionais, e levar eles os produtos a Gaza. Desa forma, tentaban lavar a deplorable imaxe que xa ten Israel polo bloqueo a esta poboación. Evidentemente, os produtos pasarían o filtro establecido polo bloqueo, que de fato implicaría que ningún chegase a Gaza. Este é un exemplo da clásica política mediática israelí que fala de negociar e paz, cando a súa práctica dista moito destes principios. Tamén se creou unha contra-flotilla desde a dereita israelí, que pretendía saír a impedir a chegada da flotilla humanitaria en apoio á poboación de Gaza.

O claro carácter humanitario e pacífico desta frota non impediu que ás 4 da mañá o exercito israelí abordase os barcos coas súas tropas de combate descendendo desde varios helicópteros, para facerse co control dos mesmos.

A partir de aquí, os feitos son confusos. O único claro é que as xustificacións lanzadas polo Goberno israelí (violenta resistencia con navallas e pedras por parte das activistas prol-dereitos humanos, o premio Nobel da paz e os parlamentarios), resultan dificilmente cribles, tanto polo perfil das persoas que integran a misión humanitaria, como polo feito de que non se produciran mais mortes que entre as tripulantes da Flota da Liberdade.

Esiximos unha resposta contundente de rexeitamento dos feitos por parte do goberno español e da Unión Europea, unha reorientación das relacións diplomáticas co Estado israelí ante a súa actitude de sistemática vulneración da lexislación internacional e dos dereitos humanos, e a posta en marcha de medidas dirixidas a restituír a legalidade e ao cese da ocupación dos territorios palestinos.

You may also like...