Celebrase o Día Mundial das persoas migrantes no marco da crise que recorta os seus dereitos

 O FORO GALEGO da INMIGRACIÓN ( do que forman parte máis de 80 organizacións, and entre elas AMARANTE ) impulsa a campaña “Ninguén sobra nunha situación de Crise” que inclue unha serie de actos e actividades a desenvolver en diferentes lugares de Galicia en relación coa celebración do Día Mundial das Persoas Migrantes (18 de decembro).

OctavillasFI

 

Manifesto “NINGUÉN SOBRA NUNHA CRISE!”

A palabra migración, recipe que foi desde a orixe da humanidade sinónimo da súa propia historia, chora hoxe a súa corrupción ata o loito, por todas as inxustizas acaecidas nun mundo no que o neocolonialismo usufrutúa con avidez os recursos de moitos pobos, entanto castiga cunha inxustiza que se contradí coas súas propias leis aos que chegan fuxindo da realidade na que transformaran os seus lugares de orixe.

As persoas migrantes vémonos obrigadas a ofrecernos como man de obra barata e desprotexida, moitas veces considerada ilegal, unicamente polo feito de termos nacido nun territorio concreto dun mundo en cuxas fronteiras os países ricos abren portas coa forza da súa economía ou das súas armas.

As noticias globais sobre os atentados contra as poboacións de moitos lugares do mundo, dos que se desprenden beneficios para os estados máis enriquecidos, así como a persecución aos migrantes son feitos cada día máis preocupantes.

Nunha recente entrevista concedida ao diario Público.es, o escritor uruguaio Eduardo Galeano recordaba que o racismo “produce amnesia. Porque todos somos africanos emigrados”. Denunciamos que esta amnesia está a ser a auténtica pandemia que sofre unha parte da sociedade, que as medidas de prevención aplicadas á Gripe A deberían trasladarse a este cancro de inxustiza que ataca á humanidade e á súa casa, a Terra.

Non debemos permitir un só espirro que contaxie doenzas tan graves como as acontecidas no último ano, como a expulsión de cidadáns de orixe romena e búlgara, maioritariamente pertencentes à secularmente maltratada etnia xitana; a “Lei Arizona”, que veu lexitimar a discriminación e o controle policíaco da inmigración nos Estados Unidos; o masacre de 72 migrantes en Tamaulipas, México; ou a aplicación de políticas xenófobas e do constante recorte de dereitos que veñen poñendo en marcha diferentes países da Unión Europea.

A crise económica está a empeorar as condicións de vida de toda a poboación e, en particular, das persoas inmigrantes: os seus contratos son cada vez máis precarios ou inexistentes; as posibilidades de regularización, máis remotas; os dereitos de reagrupación familiar, menos contemplados e, en liñas xerais, as persoas, máis discriminadas e desprotexidas.

Ademais do paro; das dificultades económicas, do temor a rematar a prestación de desemprego, do medo ao desaloxo polo impago da hipoteca ou a non chegar a fin de mes, as persoas inmigrantes debemos enfrontar o desasosego de atopar un control policial á volta da esquina, a incerteza dunha deportación expréss, a humillación de identificarse a calquera hora e lugar simplemente por ter unha cor de pel diferente.

A criminalización e persecución das persoas migrantes indocumentadas inoculan o medo e a fractura social entre conveciños e entorpecen a convivencia entre as persoas que habitamos un mesmo territorio, obstaculizando as posibilidades reais de que nos acomodemos e nos sintamos cidadás de pleno dereito desta sociedade que escollemos para desenvolver o noso proxecto de vida.

Ante todos estes síntomas, que xorden cada minuto no mundo, propoñemos vacinarnos contra os discursos demagóxicos que alertan sobre o carácter delincuencial e ameazante da inmigración, cuxo único propósito é desviar a atención dos auténticos responsábeis da crise económica, social e ambiental que estamos a vivir, ao tempo en que espertan sentimentos de competencia e desconfianza entre a poboación, deixando espazo para o rebrote de actitudes e comportamentos racistas que criamos enterrados.

Neste día 18 de Decembro, no que recordamos que as migracións forman parte do substrato de todos os pobos do mundo, antes que celebrar, tócanos lanzar un berro de repulsa e esixir o peche dos centros de internamento e detención de estranxeiros, a supresión das crecentes redadas, identificacións e deportacións de centos de miles de migrantes en países de tránsito e de destino, e o derrubamento dunha Lei de Estranxeiría que propicia e lexitima a desigualdade e a segregación social.

Toca denunciar os recortes sociais, a privatización dos servizos públicos, a reforma laboral e no sistema de pensións, en definitiva, todo o conxunto de medidas neoliberais que veñen facendo con que a vida da poboación en xeral –incluídas as persoas migrantes- vexase sometida a unhas doses cada vez maiores de precariedade, illamento e control por parte duns poderes públicos submisos aos intereses dos mais ricos e poderosos.

Proclamamos que en tempos de crise o único tratamento que pode debelar a pandemia de inxustiza, discriminación e violencia a que estamos expostas, é sumando, xentes de aquí e de acolá, todos os nosos esforzos, vontades e saberes, redescubrindo o potencial do colectivo e reatando os lazos de solidariedade e cooperación social capaces de poñer en marcha o proceso de transformación social necesario para conquistar a vida digna a que todas e todos temos dereito.

You may also like...