Investigación CRL: parte da moda española fabrícase en Tánxer baixo condicións de explotación

Moda-espanola-en-Tanger

A Campaña Roupa Limpa e Amarante Setem presentan a investigación ‘A moda española en Tánxer: traballo e superviviencia das obreiras da confección’

A Campaña Roupa Limpa, coordinada en Galicia por AMARANTE SETEM, presenta a investigación “A moda española en Tánxer: traballo e superviviencia das obreiras da confección” que analiza as condicións de vida e traballo precarias que sofren as traballadoras en talleres téxtiles de Tánxer que son provedores de grandes marcas internacionais. A investigación realizouse a partir das viviencias de 118 obreiras, coa colaboración da Asociación Attawassol.

O informe descobre as duras condicións das obreiras de confección marroquís: exceso de horas de traballo, baixos salarios, abusos verbais e físicos, arbitrariedade na contratación e o despedimento, medidas disciplinarias desproporcionadas e obstáculos á acción sindical. As horas extras son obrigatorias e non se adoitan remunerar. Prolongan a xornada ata as 12 horas diarias, seis días á semana por salarios que non superan os 200 euros mensuais, e que, en ocasións, están por baixo dos 100 eur/mes. As traballadoras máis novas, a miúdo menores de 16 anos, son consideradas aprendizas e faillas traballar sen contrato as mesmas horas que o resto, pero cobrando 0,36 €/hora, tres veces menos que as súas compañeiras. Uns resultados que integran o traballo iniciado por AMARANTE SETEM previamente e que veñen a completar a fotografía realizada pola investigación sobre a situación das obreiras na actualidade.

Para consultar o informe completo pincha aqui:  a moda española en tanxer.pdf

En Marrocos, hai unha forte presenza de talleres provedores de Inditex (Zara, Bershka, Pull&Bear, Stradivarius, Oysho, Massimo Dutti). A maioría das obreiras entrevistadas que traballan confeccionando a roupa destas marcas manifestan que non se respecta o límite de horas, chegando ata 65 horas semanais e, aínda que en xeral o salario chega ao Salario Mínimo Interprofesional Garantido (SMIG) de Marrocos, apenas 178,72 euros mensuais, seguen vivindo en situación de pobreza.

Moitos dos talleres provedores de Inditex traballan tamén para Mango. As obreiras das fábricas provedoras de Mango tamén revelan que nos seus centros de traballo non se respecta o límite de horas, realizando ata 65 horas semanais. A memoria anual de Mango do 2010 xa advertia que as súas auditorías detectaran situacións non aceptables nalgúns provedores de Tánxer e que se estableceu un prazo de seis meses para a corrección destas problemáticas.

Tamén se recolleron testemuños de traballadoras de talleres provedores de Mayoral, O Corte Inglés e Dolce&Gabanna con condicións laborais parecidas.

A deslocalización da confección en países como Marrocos permitiu ampliar os beneficios das grandes marcas téxtiles. Segundo o autor do informe, Albert Sales, “Estas empresas teñen na súa man a capacidade, tanto de xerar situacións de explotación laboral, como de evitalas”. Moitas asumiron códigos de conduta e compromisos, pero a pesar das medidas de Responsabilidade Social Empresarial, moitas traballadoras marroquís seguen vivindo situacións de pobreza á vez que cumpren cunha xornada laboral extremadamente longa.

Os códigos de conduta laborais adoptados polas empresas de moda, recollen a obrigatoriedade de pasar auditorías nos talleres. Pero as metodoloxías de auditoría son moi diversas e en moitas ocasións non se chegan a identificar os problemas laborais reais. Isto pasa porque cando hai auditoría, as fábricas realizan cambios temporais como dar de alta a traballadoras na seguridade social, incrementar a salubridade no espazo de traballo, cumprir os horarios laborais, despedir ás traballadoras sen contrato e ocultar ás traballadoras menores.

Unha traballadora dunha fábrica provedora dunha gran empresa téxtil aseguraba que “cando aparecen auditores por sorpresa, os supervisores esconden ás traballadoras menores na azotea ou en caixas de roupa baleiras”.

Que poden facer as grandes marcas?

Se queren ser realmente responsables co impacto social da súa actividade económica teñen que adoptar prácticas de máxima transparencia. Unha das máis relevantes sería publicar a súa lista de provedores e compartila con ONGs, sindicatos e colectivos locais de traballadores/as, para poder contrastar as denuncias xurdidas desta e outras investigacións e iniciar procesos de mellora. Neste sentido, a Campaña Roupa Limpa celebra que Mango xa comparta anualmente a súa lista de provedores con algúns actores sociais, o que permitirá analizar os resultados desta investigación conxuntamente e emprender accións para emendar estes problemas coa participación de representantes das traballadoras.

Fronte ás lagoas dos procesos de auditoría, a Campaña Roupa Limpa invita ás marcas a incorporarse a iniciativas multistakeholder como a Fair Wear Foundation, que inclúen nos procesos de mellora das condicións laborais a perspectiva das persoas traballadoras e as súas organizacións.

A Campaña Roupa Limpa recorda que esta investigación céntrase en Marrocos pero que as situacións que se describen son desgraciadamente frecuentes en moitos outros países.

————

Campaña Roupa Limpa: A Campaña Roupa Limpa é unha rede internacional de ONG, sindicatos e organizacións de persoas consumidoras, coordinada por SETEM, que traballa para mellorar as condicións das traballadoras e os traballadores da industria global da confección.

You may also like...