Dille á Comisión Europea que non outorgue máis privilexios ás empresas. Non ao ISDS!

Os acordos comerciais e de investimento sempre teñen un impacto substancial en todos os aspectos da vida cotiá da cidadanía, os dereitos das persoas traballadoras, o medio ambiente e as consumidoras. Sen embargo, a Comisión Europea está negociando a porta pechada con Estados Unidos a creación do espazo de comercio e investimento máis grande do mundo. As negociacións do TTIP (acordo transatlántico de comercio e investimento) son opacas e non contan coa participación das organizacións da sociedade civil.

Dereitos para as empresas inxustificables e inaceptables

Un dos elementos máis polémicos incluídos nas negociacións é o chamado “mecanismo de solución de controversias investidores-estados” (ISDS)”. O ISDS é unha disposición que outorga aos investidores estranxeiros o poder de demandar aos estados en tribunais internacionais segredos. Este mecanismo permite ás empresas que investiron nun país cuestionar leis introducidas polo país anfitrión se consideran que reducen o negocio esperado. Os gobernos democráticos ven seriamente minguada a súa capacidade de desenvolver leis ou regulacións relativas á protección dos dereitos laborais, o medio ambiente, a saúde ou os dereitos humanos.

Negociacións a porta pechada

Os argumentos para oporse ao ISDS son coñecidos dende hai moitos anos. A pesar diso, a Comisión Europea forzou en segredo a inclusión deste mecanismo nas negociacións comerciais con EEUU. As continuas e contundentes protestas da cidadanía, os sindicatos e grupos da sociedade civil forzaron que a Comisión Europea poña en marcha unha consulta pública sobre o mecanismo. Tentaron vender a consulta como unha forma de involucrar á cidadanía, pero non é máis que un lavado de cara.

En primeiro lugar, na consulta non se pregunta á cidadanía se quere ou non que o mecanismo de solución de controversias investidor-estado se inclúa no TTIP. Por outra banda, a consulta consiste nun cuestionario moi técnico e moi longo, difícil de responder para a maior parte das persoas. Para empeorar as cousas, o público pode responder exclusivamente a través dun cuestionario electrónico que non é moi fácil de usar. Non se permiten cartas ou correos electrónicos, o que contradí a esencia mesma dunha consulta pública e resulta dubidosamente democrático.

Por todas estas razóns, AK EUROPA (a oficina de Bruxelas da Cámara Federal do Traballo de Austria), a ÖGB Europabüro (a oficina de Bruxelas da Federación de Sindicatos de Austria), e Amigos da Terra Europa (a maior rede de base ambiental Europea), queren orientar a calquera persoa que queira mostrar a súa oposición ao ISDS e ás negociacións comerciais secretas e opacas deste tratado.

Cremos que non se deben ceder máis dereitos ás empresas e investidores. Polo tanto, tamén rexeitamos a proposta da Comisión para “mellorar” o sistema de solución de controversias investidor-Estado prevista actualmente. A única solución viable é dicir alto e claro: NON AO MECANISMO DE SOLUCIÓN DE CONTROVERSIAS ENTRE INVESTIDORES E ESTADOS. NON AO TTIP.

É moi importante mandar esta mensaxe á Comisión Europea. Participa na consulta para que non se outorguen máis privilexios inxustificados aos investidores privados a expensas das persoas, o medio ambiente e a sociedade no seu conxunto.

Clica aqui para asinar:

http://www.no2isds.eu/?tesmse2ue

You may also like...