AMARANTE SETEM conmemora o día internacional da muller abrindo o seu documental fios fora á todo o público

Neste 8 de Marzo adicado á Muller, queríamos por en valor o traballo de miles de mulleres que traballan na confección da nosa roupa e tan invisibilizadas pola moda e as marcas.

Son millóns de mulleres que como as nosas Pura, María, Leonila, Sabina, Angustia e María Graña que despois de moito traballo e sacrificio son expulsadas, abandoadas e esquecidas por un modelo industrial que promove a deslocalizacion, na procura do máximo beneficio a costa da precariedade laboral.

Elas e moitas outras, falan no noso documental Fíos Fóra. Historias de obreiras, entre costuras e patróns, realizado por Illa Bufarda. Un documental no que intentamos por algo de luz sobre este tema tan ninguneado na nosa terra, Galicia.

Moitos son os fíos e as historias que se tecen do pasado e presente.

É incrible pensar que xa no 1911 un incendio nunha fábrica de camisas en Nova Iorque matase a 140 mozas, a maioría inmigrantes, causando gran conmoción e que provocou un cambio na lexislación laboral en UU.EE., e que mais dun século despois tiñamos que seguir reivindicando condicións laborais dignas neste sector.

Despois de mais dun ano de andadura, – o documental estreouse en novembro do 2015 na Coruña- percorrendo Galicia, o resto do estado e outros países, e despois de cumprir os compromisos dos festivais, queremos anunciarvos que dende este 8 de marzo xa tedes dispoñible o seu visionado na nosa web, www.fiosfora.gal.

Queremos agradecer inmensamente a acollida que tivo este traballo nas máis de 100 proxeccións que se foron programando ao longo do último ano. Agora,chegou o momento de seguir tecendo Fíos con todas vós que aínda non puidestes ver o documental de xeito presencial.

Animámosvos a descubrir e difundir a historia das costureiras galegas. Podedes continuar contactando con nós no caso de que queirades realizar proxeccións contando coa nosa presenza.

You may also like...